Ourense viaxa a Enghien-les-Bains cunha nova perspectiva sobre o pasado romano das Burgas

A cidade participa no primer Café de Europa, «As Cidades Invisibles», presentando unha recreación 3D da piscina santuario cuxos restos foron descubertos nas traseiras das Burgas

O proxecto de cooperación transnacional Source, no que Ourense participa como membro da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas EHTTA) arrancou o pasado 14 de xuño coa celebración , en Enghien-les-Bains, do primeiro Café de Europa; unha serie de conferencias e debates en diferentes cidades europeas que aporten novas visións e plantexamentos ao mundo do termalismo. Despois deste primeiro encontro será o turno de Ourense, que celebrará o seu Café (xa o segundo) neste mes de setembro coincidindo co arranque de Termatalia. Nesta ocasión, o seminario internacional versará sobre o rol e presenza das augas termais nas vías de peregrinación europeas. Ata entón, a cidade das Burgas participou xa activamente neste primeiro Café de arranque na vila francesa, no que se explorou o xeito en que as novas tecnoloxías e a creación e artes dixitais poden contribuir ao desenvolvemento turístico e a divulgación e posta en valor do patrimonio cultural europeo.

Ourense sumouse a esta convocatoria cunha proposta en torno ao que sen dúbida ten sido un dos achádegos arqueolóxicos máis importantes na historia recente da cidade; a piscina santuario do século I d.C atopada durantes as escavacións nas traseiras das Burgas, na Casa dos Fornos. Os restos da piscina, únicos na Península, aportan novos datos sobre o pasado termal da ciade, que en tempos do Imperio Romano tería sido centro de peregrinación con este santuario adicado á divindade indíxena Revve Anabaraego, a cal se lle atribuirían os poderes curativos das augas termais da zona; tal e como testemuñan as aras votivas aquí atopadas.

Aspecto actual da piscina-santuario  de As Burgas

Aspecto actual da piscina-santuario de As Burgas

Hipótese virtual. Vista do pórtico exterior

Hipótese virtual. Vista do pórtico exterior

Hipótese virtual. Sección da construción da bóveda da piscina.

Hipótese virtual. Sección da construción da bóveda da piscina.

A partir dos restos atopados, o equipo de arqueólogos formulou unha hipótese virtual sobre o aspecto e funcións desta piscina santuario. A humanista dixital Alicia Colmenero desenvolveu, xunto ao arqueólogo director destas escavacións, Celso R. Cao, un traballo audiovisual que recrea, a través de sistemas infográficos tridimensionais, o aspecto que tería esta construción no século I d.C., así como a súa localización, proceso e técnicas de construción, etc. O material resultante bebe directamente do análise arqueolóxico da zona, así como so estudo dos elementos da cultura manterial desde unha perspectiva multidisciplinar, fiel aos principios da Carta de Sevilla sobre arqueoloxía virtual. O resultado pode verse no propio Centro de Interpretación das Burgas, onde aos modelos 3D súmanselle planos, fotografías das escavacións, textos e demais explicacións que contribúen a comprender e recoñecer as Burgas como un xacemento clave na historia termal de Ourense. Esta proxección exhibiuse dentro deste primeiro Café celebrado no Centre des Arts de Enghien-les-Bains; unha chamada á reflexión sobre as posibilidades das novas tecnoloxías no campo da divulgación científica, neste caso para a difusión de traballos arqueolóxicos e a historia das cidades, contribuindo así a un maior coñecemento e apreciación do patrimonio entre o público en xeral.

Preparando a cita de Ourense

O evento en Enghien-les-Bains serviu tamén para manter unha sesión de control e traballo coa EHTTA sobre o vindeiro Café de Europa, que se celebrará en Ourense. A cidade das Burgas dirixira a súa ollada hacia as posibles relacións que se estableceron, ao longo da historia, entre auga, relxións, espiritualidade e peregrinacións, reinvindicando non só a posición da cidade como centro relixioso na Antigüidade clásica, senón tamén o seu papel no Camiño de Santiago, xa que por aquí decorren tanto o Camiño Portugués como o Mozárabe ou do Sudeste. Este Café explorará as raíces do culto ás augas, así como a presencia e papel das augas termais nas vías de peregrinacións europeas, desde a Idade Media ata os nosos días. Ademais, abordaránse algúns dos retos que hoxe enfrontan as vilas termais europeas, explorando concepto como o wellness e o benestar para actualizar esa condición de «retiros espirituais» que estas cidades teñen xogado durante séculos.