O programa Ourense Cooperativa desenvolverá ao longo de todo o mes de setembro unha serie de actividades de formación para o fomento da economía social e as súas oportunidades de negocio no ámbito do termalismo e o turismo

Setembro será o mes da economía social en Ourense. A Agrupación de concellos de Ourense (Coles, Amoeiro, A Peroxa, Pereiro, Vilamarín e Ourense), como Oficina de Fomento Cooperativo e da Economía Social integrada na Rede Eusumo, veñen de por en marcha un completo programa de formación centrado na economía social en sectores estratéxicos, especialmente no ámbito do turismo e o termalismo. Identificación de oportunidades de negocio, innovación, optimización e internacionalización serán as claves sobre as que se desenvolva este programa, que combina seminarios, obradoiros prácticos e formación on-line. Todas as actividades teñen prazas limitadas e son de inscrición gratuíta.

Curso economia social

O programa, que aposta pola economía social como o modelo empresarial que mellor se adapta ás novas economías de mercado, céntrase en ámbitos estratexicos do territorio, especialmente no referente ao sector turístico e termal, nos que se pretende dar un salto cualitativo na súa capacidade para xerar e fixar emprego de calidade. Precisamente, será o termalismo o que protagonice o primeiro dos seminarios cos que arranca o programa, fixado para o día 12 de setembro na propia cidade das Burgas. O seu obxectivo é o de identificar as oportunidades de negocio e autoemprego existentes nun sector cada vez máis consolidado no territorio: non en van, Galicia é a comunidade da península líder en oferta balnearia e, dentro dela, Ourense destaca en número e calidade de mananciais e establecementos. Está dirixido a todas aquelas personas interesadas en desenvolver e adaptar proxectos de economía social, dándolles a oportunidade de coñecer de primeira man experiencias salientables, boas prácticas e tendencias no campo do termalismo e a hidroterapia. O segundo seminario estará dedicado ao turismo e desenvolveráse no municipio de A Peroxa o día 13 de setembro.

Xunto cos catro seminarios teórico-divulgativos, o programa continuará o seu plan de formación de cun curso online (incorporando tamén sesións presenciais) de creación de empresas de economía social no sector das TIC e nas Industrias culturais e creativas. Está prevista tamén a realización de dous obradoiros de carácter práctico; un de posta en marcha de proxectos paso a paso e outro destinado a internacionalización (este último enfocado ao sector agroalimentario).

O prazo de inscricións xa está aberto e rematará o día previo a cada actividade, sendo posible realizalas todas ou elixir. O prezo é gratuíto e entregaráse diploma acreditativo ao remate. As persoas interesades poden visitar o portal ourensecooperativa.gal ou ben dirixirse a comunicacion@ourensecooperativa.gal

Consulta e descarga o folleto informativo(Adobe_pdf 425kb, galego)

[/icon