Dúas semanas de actividades ao redor das augas en Ourense

Unha exposición no Centro Municipal Jose Ángel Valente, conferencias, cine e actividades na rúa son algunhas das propostas destes «Encontros Termais 2014»

As actividades arrancan o día 21 cun desfile de moda na Estación Termal das Burgas

Captura de pantalla 2014-09-11 a la(s) 125812_phixr
Pouco a pouco o mes de setembro vaise consagrando en Ourense como unha data para festexar a riqueza termal da cidade, unha das máis importantes de Europa en caudal de auga e número de mananciais mineiro medicinais. Desde a Concellaría de Termalismo vos propoñemos dúas semanas de actividades ao redor das nosas fontes e ríos, unha homenaxe a auga que nos deu a vida. Baixo o título «Encontros Termais» arrancan o sábado 21 de setembro quince días de celebracións con iniciativas para todos os gustos, nas que contamos coa participación de diferentes axentes e asociacións da cidade.

Os días 17, 18 e 19 o Centro Municipal Jose Ángel Valente acolle unhas xornadas de divulgación onde expertos de distintas disciplinas e perfil profesional abordarán o auga mineiro medicinal desde tres perspectivas: auga e saúde, auga e patrimonio, e a xestión de centros con auga termal. A inauguración está fixada para o día 17 ás 17:00 h. A asistencia está aberta ao público i é gratuíta.

Acompañando ás xornadas, do 15 ao 28 de setembro poderase visitar, tamén na Sala Valente, unha exposición co título O arrolo das augas. A mostra pretende ser un percorrido visual polas diversas manifestacións humanas ao redor da auga ao longo da historia da cidade; desde o pasado recente ata o futuro inmediato. Incorpórase ademais un espazo para as tradicións termais noutros puntos do planeta e onde terá un especial protagonismo a Asociación Europea de Cidades Termais Históricas e as súas 25 cidades membro, entre as que Ourense figura como socio fundador.

Cine, memoria, arquitecturas, teatro

Cine e Termalismo

En paralelo á exposición e xornadas, están programadas unha serie de actividades complementarias de carácter lúdico organizadas por diferentes asociacións e grupos da cidade. Contaremos cun ciclo de cine e termalismo organizado polo Cineclub Padre Feijoo, un paseo visual polo pasado das Burgas desenvolvido polos amigos do Arquivo Visual Ourensán e mais unhas “Conversas nas Burgas” organizadas desde a delegación ourensana do Colexio de Arquitectos para observar este espazo emblemático desde outras olladas.

O día 20 repetimos a cata de augas minerais que xa no seu momento tivemos a oportunidade de gozar da man das profesoras Elena Falqué e Mª Concepción Pérez Lamela, da Facultad de Ciencias do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. A actividade dará comezo ás 10.00 h. no Centro Municipal Jose Ángel Valente e participación será, unha vez máis, gratuíta. Lembrade que é preciso realizar inscrición previa! Podédelo facer no teléfono 988388108 e no correo termalismo@ourense.es.

E por se isto fora pouco, a nosa querida Calpurnia Abana volverá ás termas das Burgas para contarnos a súa historia (o venres 19 ás 21:00 h.) das mans da Escola Municipal de Teatro. Ademáis, ao longo da fin de semana haberá concentración de Vespas, Lambrettas e automóbiles clásicos.

Agardamos que tanto veciños e veciñas de Ourense coma os visitantes que se acheguen estes días á cidade se animen a participar desta festa das augas. Para calquera dúbida sobre o programa podedes non dubidedes en contactar con nós a través do formulario web.

Aquí vos deixamos o programa completo destes Encontros Termais (Adobe_pdf 3.37m) para consulta e descarga.