Os mananciais das Burgas non son só un dos espazos máis queridos, emblemáticos e visitados da cidade, senón que tamén xogaron un papel fundamental na historia de Ourense desde os seus inicios. Aquí conviviron, durante séculos, a curación e o culto; foi punto de encontro do Ourense popular, orixe de lendas e supersticións, escenario de obras literarias e obxectivo de infindas fotografías e postais. As súas augas acompañan o devir de Ourense, polo que non é casualidad que esta sexa coñecida como a «cidade das Burgas».

O CULTO DAS BURGAS

Se ben sabemos que a «ola» ourensá que forman os ríos Miño, Loña e Barbaña xa estaba habitada durante a Idade de Bronce, a cidade naceu cos romanos, que comezan asentarse na zona atraídos, en grande medida, pola presenza de mananciais de auga quente. De feito, o nome de Aquis Aurienses co que se coñecía o lugar remite a unhas «augas de ouro», ben pola presenza deste mineral no leito do río Miño, ben polo valor dos mananciais terapéuticos. O papel central que As Burgas xogaron na historia da cidade foi, non obstante, pouco máis que unha especulación durante moitos anos, dada a escaseza de probas arqueolóxicas. Textos como o que en 1934 asinaba o historiador Florentino Cuevillas son hoxe considerados case coma visionarios, pois os diferentes achádegos posteriores viron darlle, finalmente, a razón.

Todo fai supor en secuencia, que o casar que se estendía darredor das Burgas ostentaba unha facies sinxela e rústica, e que a sua vida nutríase escrusivamente destes tres elementos: do cultivos dalgúns eidos circundantes, da afluencia de xentes que acodían atraguidas pol a sona miragreira das fontes termaes e do pequeno comercio que habería de realizarse cos labregos e romeiros [...]

Como nasceu a cidade de Ourense


10390417_886191391398358_7096055841051303627_n

Fai referencia Cuevillas a un tránsito de xentes que en época romana chegarían aquí dende lugares afastados en peregrinación ás fontes sanadoras; en que se baseaba para facer tal afirmación? Anos atrás, en 1802, durante unhas escavacións realizadas na chamada «Casa da Tenencia», na área das Burgas, atopouse unha ofrenden en pedra (un ara) cunha inscrición na que se podía ler o nome da dedicante, Calpurnia Abana Aeboso. Aínda que Calpurnia foi considerada durante moitos anos como a «primeira habitante» da cidade, o estudo do nome apunta a que non sería de orixe ourensán, senón dalgún poboado maís ou menos próximo; trataríase dunha visitante que acodía ás fontes atraída pola súa fama.

As seguintes escavacións (1995-2010) viron confirmar esta teoría co descubrimento de novas aras, pedras gravadas por cuxas inscricións sabemos do culto ao deus Revve Abanaraego. As descubertas amósannos que As Burgas tería sido un lugar sagrado xa antes da chegada dos romanos, e que estes mantiveron o culto, construíndo sobre os mananciais unha piscina-santuario para fogar do deus, responsable (así o crían) dos poderes salutíferos das augas. No bulevar do Centro de Interpretación das Burgas podemos visitar hoxe os restos desta construción, datada no século I d.C.

O culto a Revve irá evolucionando e adaptándose ás deidades do panteón latino. Así, na zona atoparonse probas do culto ás ninfas -a propia Calpurnia ofreceu a elas a súa ara- ou a Venus, que aparece representada nun camafeo den pasta de vidrio azul e branco, tamén do século I d.C.

Páxinas: 1 2 3