Ourense acolle a rodaxe da película A esmorga

As_Esmorga_Burgas

Unha imaxe da rodaxe de A esmorga nas Burgas

Hai xa máis de 50 anos, os labirintos da cidade de Ourense inspiraron ao escritor Eduardo Blanco Amor a escribir a tráxica historia da súa obra máis coñecida, A esmorga; hoxe, este escenario volve servir de inspiración ao director de cine Ignacio Vilar, quen está a filmar estes días a última versión cinematográfica da célebre novela.

Antonio Durán «Morris» Karra Elejalde e Miguel de Lira interpretan aos protagonistas – O Cibrán, O Bocas e O Milhomes – desta vertixinosa troula nocturna polas rúas da cidade,con parada en espazos como a Praza do Correxidor, a Alameda, a Praza Maior e, por suposto, as eternas Burgas de auga quente. Con motivo da rodaxe, que se prolongará ata o mes de marzo, a cidade vestiuse de anos 50, con vehículos antigos, traxes tradicionais para máis dunha centena de figurantes e vellos comercios cuxos escaparates volveron cobrar vida. Todo iso para recrear aquela noite de troula en Auria, imaxe literaria da cidade das Burgas.

Deste xeito, a capital ourensá recupera a súa vella relación co mundo audiovisual; Ourense non só acolle cada ano un dos festivais de cine máis antigos da península ibérica (o OUFF, que en 2014 chegará a súa edición número dezanove), senón que tamén foi escenario de rodaxe de películas como Os xirasoles cegos, de José Luis Cuerda, ou a recentemente estreada 9 Olas, de Simone Saibene. A esmorga, que pretende estrearse este mes de novembro, é o quinto filme do director Ignacio Vilar.

Todos aqueles que sintan curiosidade polo itinerario que O Bocas, Milhomes e Cibrán realizan durante esta riola de final tráxico, hoxe teñen a posibilidade de volver sobre as súas pegadas grazas á Ruta Literaria sinalizada ao longo da Cidade vella de Ourense que se pode consultar aquí. O propio equipo da película comentou, en varias ocasións, que o filme conserva as localizacións de «case un 80% do percorrido orixinal».