logo campus da auga G

I+D para o sector termal

A aposta polo termalismo como un sector estratéxico para a cidade de Ourense supón tamén a aposta pola investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico. Desde 2012 o proxecto “Campus da Auga” traballa para transformar o Campus Universitario de Ourense nun centro de estudios especializado nas tecnoloxías do auga: unha rede multidisciplinar e integrada por unidades de investigación, docencia e transferencia de coñecemento que teña como motor os recursos hídricos, e nomeadamente, os de carácter termal.

O Plan Estratéxico do Campus da Auga foi presentado o 11 de maio de 2012 polo reitorado da Universidade de Vigo, co obxectivo de desenvolver un proxecto que, a través da especialización, dotase de personalidade propia e identidade científica ao Campus de Ourense, aportando visibilización exterior e creando un valor económico e social engadido.

Presentacion_Campus_Auga_Autoridade

De esquerda a dereita: Director da Área de Descentralización do Campus de Ourense, Alberto Vaquero García; Vicerreitora do Campus de Ourense María Lameiras, Rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, Decana da Facultades de Ciencias Empresariais e Turismo, Elisa Alén.

O proxecto constrúese sobre cinco áreas de colaboración que aglutinan o know-how do campus e que conformarán os seus futuros clústers de I+D. Trátase das áreas de Turismo, Tecnoloxía Informática, Innovación Social e Educativa, Medio Ambiente e Alimentación. Reorganízanse así os activos dun Campus que conta na actualidade con 4.595 alumnos, 33titulacións, 49 grupos de investigación, 339 investigadores e máis de 120 proxectos de I+D, construíndo un novo proxecto que sexa marca internacional e marco de traballo.

O Campus da Auga está deseñado en consonancia coas prioridades de Horizonte 2020, o programa marco comunitario de investigación e innovación (2014-2020), posto que busca a excelencia na investigación e a conexión cos sectores económicos a través da transferencia de tecnoloxía e coñecemento.

Ademais está en liña con outras iniciativas de agregación multidisciplinar para a creación de masa crítica, entre as que destaca a Conferencia de Reitores de Universidades do Suroeste de Europa, composta por 18 universidades de Galicia, Norte de Portugal e Castela e León.

O proxecto do Campus da Auga está chamado a liderar o I+D da industria termal da cidade e conta co apoio de diversas entidades; o Concello de Ourense entre ellas.