AS BURGAS

Corazón do Termalismo Histórico

 

Para algúns investigadores, o sitio das Burgas é sinónimo da orixe da cidade de Ourense: tres mananciais cun enorme caudal de auga mineiro-medicinal que durante séculos atraeron aos habitantes dos castros veciños até dar lugar a un primitivo asentamento, que logo se convertería no Ourense moderno.

Os restos arqueolóxicos atopados na zona constatan unha tradición termal de máis de 2.000 anos de historia, que comeza cos primeiros poboadores romanos, quen xa bautizaran a Ourense como Aquis Auriensis polo ouro da cunca fluvial do Miño e as augas termais.

En recoñecemento a este papel central na historia da cidade, o sitio das Burgas foi declarado Ben de Interese Cultural en 2007. Este non é só dun dos espazos máis emblemáticos de Ourense, senón tamén o que mellor representa a relación íntima da cidade coa súa auga.

Os recentes traballos desenvolvidos permiten hoxe visitar aquí o primeiro complexo termal de Ourense: fontes, museo, piscina e xardíns, todos integrados nun espazo no corazón mesmo do Centro Histórico. Un lugar único e privilexiado para entender por que Ourense leva o título de Capital Termal de Galicia.